CRÚA

CRÚA é o meu espazo en Carballo. Aquí fabrico as miñas pezas e vivo rodeada de barro e fotografías. Tamén serve como punto de encontro para quen queira achegarse a conversar, observar ou aprender, pois non é so o meu lugar senón o de todos e todas as que queiran participar.

OBRADOIRO

Este espazo compartido acolle os obradoiros CRÚA. Terás todos os materiais e ferramentas precisas para a creación das túas propias pezas cerámicas.

TENDA

Poderás atopar pezas de cerámica feitas con moito mimo, así como fotografías e o libro Buño de seu. Ademais, tamén se fan pedidos baixo encargo.

TALLER

O taller mestúrase coa tenda e co obradoiro para que poidas experimentalo e formar parte del. Aquí poderás atoparme traballando cada día.

OBRADOIROS CRÚA

Para meter as mans no barro non precisas nin experiencia previa, nin habilidades extraordinarias, nin pertencer a un grupo de idade en concreto. Tan só fan falla ganas de experimentar e permitirte a ti mesma seguir os teus ritmos.

Nos obradoiros traballaremos distintas técnicas de modelado en sesións de 2 horas. Estes encontros están dispoñibles para todas as idades e niveis, porque todos e todas somos quen de traballar coas mans!

Se che apetece, podes unirte de distintos xeitos:

OBRADOIRO CREATIVO​

Neste obradoiro semanal para nenos e nenas de 6 a 12 anos exploraremos diferentes técnicas e ferramentas para tocar, sentir e dar vida ás nosas grandes ideas.

Traballaremos o barro, debuxaremos e pintaremos con diferentes materiais, experimentando todas as opcións posibles para manchar as mans.

Prezo: 70 EUR / mes / persoa

Grupos dispoñibles os martes ou xoves de 17:00 a 18:30

OBRADOIRO DE BARRO​

O que faremos será unha sesión de dúas horas de modelado de barro na que cada quen dará forma á súa propia peza.

Empeza explicando un pouco o proceso das pezas cerámica dende que nacen ata que chegan á nosa mesa, para despois pasar á parte práctica. A partir de ahí, vouvos guiando para que cada quen faga as súas propias pezas. Pasado un tempo, en canto estea lista (seca, cocida e esmaltada), avisareivos e poderedes pasar a recoller a vosa creación.

Grupos dispoñibles para todas as idades a partir de 6 anos.
Prezo: 35 EUR / persoa


Estas sesións prográmanse segundo a vosa dispoñibilidade. O que fago é recibir as vosas propostas e abrir grupos cando haxa un mínimo de tres persoas interesadas.

OBRADOIRO MENSUAL

Verémonos unha vez á semana durante un mes onde aprenderedes distintas técnicas de modelado e darlle forma ás túas propias pezas.

O que faremos son catro sesións de dúas horas de modelado de barro. Empezan explicando un pouco o proceso das pezas cerámica dende que nacen ata que chegan á nosa mesa, para despois pasar á parte práctica. A partir de ahí, vouvos guiando para que cada quen faga as súas propias pezas. Verémonos unha vez á semana para facer sesións similares á primeira pero cada día aprendendo distintas técnicas de modelado.
Na última clase, decoraremos todas as nosas pezas con pigmentos e pasado un tempo, en canto estean listas (secas, cocidas e esmaltadas), avisareivos e poderedes pasar a recoller as vosas creacións. Cada mes haberá unha nova convocatoria!

Prezo: 90 EUR / mes / persoa

Próximas convocatorias:

Setembro – intensivo os días 23, 24, 25 e 26 de 17:00 – 19:00

Outubro – mércores 2, 9, 16 e 23 de 19:15 – 21:15

OBRADOIRO DE CONTINUIDADE​

Se xa fixeches o curso mensual pero aínda tes ideas pendentes ás que darlle forma, temos grupos semanais onde continuar afrontando novos retos.

Para unirse a estes grupos é imprescindible ter cursado un obradoiro mensual previamente.

Prezo: 90 EUR / mes / persoa

Grupos dispoñibles os mércores de 17:00 a 19:00 e os xoves de 19:00 a 21:00

BARRO EN FAMILIA

Ven disfrutar cos peques da casa dunha sesión de modelado de barro!


Cada menor virá acompañada dunha persoa adulta e xuntas faredes as vosas propias pezas.

Prezo: 35 EUR / persoa

BONO CRÚA​

Agasalla un vale por calquera dos obradoiros anteriores. A data será aberta e máis adiante poremos o día e a hora.


Prezo: variable segundo o obradoiro elixido

EVENTOS PRIVADOS

Se estás buscando un obradoiro de barro a medida, noutra ubicación ou para un grupo en especial, ponte en contacto comigo e buscaremos a forma de facelo posible.

Prezo: variable.

BARRO NA ESCOLA

Se che gustaría levar os obradoiros de barro á túa escola, podes poñerte en contacto comigo e buscaremos a forma de facelo posible.

Prezo: variable.

BUÑO DE SEU

BUÑO DE SEU ten fotografía, texto e quero pensar que tamén un pouco de olería. Ten algo de meu e moito de seu. Porque aínda que é froito dunha producción persoal, o que conta non son máis que as historias dos oleiros e oleiras de Buño.

Comezou cando aínda era inverno e as horas de leria nos talleres eran case sinónimo dunha catarreira. Coa chegada da primavera saquei a cámara e en maio escribín as historias que acompañan ás imaxes.

Foi en xuño de 2021 cando lle dei forma e corpo ás páxinas para chegar, xa en manga curta, á exposición de BUÑO DE SEU como traballo final de carreira.

De ahí en adiante adiquei moitas horas a facer e refacer. O libro e a súa función medraron cos días e, en agosto de 2022, viu a luz a primeira edición autopublicada de 500 exemplares.

Se queredes mercalo recoméndovos pasar polo taller ou preguntar nas tendas e obradoiros dos oleiros e oleiras de Buño. Tamén o podedes encargar persoalmente a través de Instagram, email, teléfono ou cando nos vexamos pola rúa.

SOBRE MIN

Galega de nacemento e de corazón. Falo pouco e ás veces demasiado baixo, mais teño mans creadoras.

En 2017 decidín darlle un xiro á miña vida para pechar a porta aos meus estudos de Enxeñaría Industrial e abrir moitas outras ás artes, comezando pola miña gran paixón: a fotografía. Estudei Belas Artes na Universidade de Vigo tratando de combinar traballos plásticos e fotográficos. Sinto predilección polos proxectos sociais e solidarios, a producción artesanal, a fotografía documental e o mundo do surf, que foi para min o punto de partida a todo o demáis.

Dende a praia de Razo e despois de ter pasado por Madrid, Perú, Bilbao ou Berlín, a miña última aterraxe trouxome de volta á casa, onde continúo día a día ampliando a miña formación tanto artística como persoal. En agosto de 2022 publiquei o meu primeiro libro, Buño de seu, sobre a cerámica tradicional de Buño.

Actualmente estudio Educación Primaria e en novembro do 2022 abrín as portas dun espazo que materializa as miñas aspiracións: CRÚA, en Carballo.

CONTACTA COMIGO

Skip to content